Román Rodríguez anuncia unha nova acción para integrar ás familias no funcionamento das bibliotecas escolares

A Xunta de Galicia está tamén a traballar na terceira fase do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), para que Galicia siga sendo a comunidade con máis bibliotecas escolares en funcionamento

Este ano puxéronse en marcha novas iniciativas para o reforzo dos materiais e contidos inclusivos, cunha especial atención ao rural

O encontro volve a celebrarse de xeito presencial e reúne a preto de 600 docentes

A rede de bibliotecas escolares é referente a nivel estatal e está nomeada por segundo ano consecutivo aos premios Astrid LindGren

Sáb, 20/11/2021 - 11:38

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a inauguración da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021, na que participan preto de 600 responsables destes espazos nos centros educativos de Galicia. No transcurso da súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta anunciou que a Consellería está a traballar “nunha nova convocatoria que se lanzará proximamente e que terá como obxectivo reforzar e integrar ás familias nas actividades das bibliotecas escolares”.

O representante da Xunta de Galicia explicou tamén que a Consellería está xa planificando a elaboración da terceira fase do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta nesta materia desde o ano 2010. Neste sentido, expresou que para o novo período os obxectivos principais pasan por “garantir a presenza estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos, avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva ou reforzar as bibliotecas como puntos estratéxicos para acceder ás aprendizaxes na era dixital”.

A este respecto, o conselleiro puxo en valor que este ano se reforzaron tamén os materiais inclusivos das bibliotecas escolares e “somos a comunidade autónoma coa maior porcentaxe de centros con mobiliario e equipamento adaptado ao alumnado con necesidades especiais”. Así mesmo, destacou os fondos adicionais enviados a 117 bibliotecas do rural galego para a mellora das súas coleccións.

Esta xornada retoma este ano a presencialidade, tras celebrarse en liña o pasado ano. Baixo o lema A biblioteca escolar ten a palabra, o programa está estruturado arredor do poder da palabra na narración oral, as novas oralidades, os medios de comunicación e do papel facilitador da biblioteca a través do diálogo, o debate, a exposición, a radio ou os clubs de lectura, entre outras ferramentas.

Un referente no Estado

Román Rodríguez quixo agradecer o labor dos asistentes a esta xornada á fronte das bibliotecas escolares dos seus respectivos centros. “As nosas bibliotecas escolares son exemplo e referente dentro e fóra de Galicia. Sen ir máis lonxe a nosa rede de bibliotecas vén de estar nomeada por segundo ano consecutivo a un dos recoñecementos máis valorados no mundo do libro infantil e xuvenil a nivel internacional, os premios Astrid LindGren”, dixo, ao tempo que recordou que, segundo a Estatística do Ministerio de Educación sobre Bibliotecas Escolares, Galicia é a Comunidade cun maior número de bibliotecas escolares en funcionamento.

“Isto desde logo non é froito da casualidade –afirmou o conselleiro– senón que é un mérito colectivo resultado do voso esforzo diario que desde a Xunta de Galicia vimos apoiando e promovendo a través de diferentes programas e iniciativas, un dos máis salientables o Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (Plambe), que neste curso incrementou o seu orzamento nun 12,5%, superando os 1,5M€”, declarou.

Tras a intervención do conselleiro, a charla inaugural corre a cargo do catedrático de Teoría e Análise da Comunicación Dixital Interactiva do Departamento de Comunicació da Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), Carlos Scolari, co relatorio Novas oralidades, novos textos: os desafíos da memoria transmedia.

Novas incorporacións a ‘Radio na Biblio’ e ‘Biblioteca Creativa’

Dous dos principais programas de bibliotecas escolares son Radio na Biblio e Biblioteca Creativa. Precisamente nos últimos días a Consellería vén de resolver ambas convocatorias. No caso da primeira das iniciativa, son 30 os centros de nova incorporación, ata sumar un total de 138 centros participantes neste programa. O seu obxectivo é promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Por outra parte, os novos centros en Biblioteca Creativa serán 25. O obxectivo desta iniciativa é estimular a investigación nestes espazos, fomentando a conversión das bibliotecas en centros creativos de aprendizaxe nos que, ademais de fomentar a lectura, se fortaleza a alfabetización informacional do alumnado e se promova o uso das novas tecnoloxías como ferramenta interdisciplinar de aprendizaxe. A participación do programa supón, de feito, a dotación dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados.